Galego | Español | Euskera | English | Português | Français | Italiano | Polski | Português BR
 
 
 
 
Inicio | OQO editora | Colección O | A visita dos domingos

Menú de Usuario

 
 


Colección O  







A visita dos domingos

Matteo Gubellini
13,50 € | 978-84-9871-309-1
36 páxs. | cartoné | 25x23 cm |
febreiro 2011

Pola noitiña volvemos á casa. Seguro que mamá está preparando a cea. Entramos nas puntas dos pés, para non facer ruído ningún. ―AAAI! Por que me metedes estes sustos? Sodes uns monstros! ―Mamá! Os monstros temos que asustar! Todo o mundo o sabe!
 
Os nenos senten atracción polos personaxes fantásticos e gozan créndose protagonistas de mundos imaxinarios. A imaxinación permítelles vivir outras realidades, moi diferentes ás súas.
 
Matteo Gubellini, artista italiano con títulos publicados en prestixiosas editoriais infantís de Italia ou Francia, atrévese en A visita dos domingos a contar unha historia e non só a ilustrala, tal e como fixo na súa primeira colaboración para OQO editora con A casa da miña avoa.
 
Este conto enxalza a importancia da implicación dos pais para potenciar e alimentar a imaxinación dos nenos, tan necesaria para a creatividade tanto de pequenos como de adultos.
 
“O xogo entre pais e fillos, a través da ficción e da fantasía, é moi importante”, argumenta Gubellini que cre “fundamental” alimentar a imaxinación dos pequenos como unha forma eficaz de que “nunca estean sos”. Ademais, a entrega total e cooperación dos adultos neste tipo de xogos afianza que crezan sentíndose “amados e protexidos”.
 
A particularidade de que este monstro que visita cada domingo ao noso protagonista inspire simpatía, complicidade e afecto, converte a esta historia nun bo instrumento para axudar a superar os medos infantís.
 
A xente ten medo dos nosos gruñidos, e só os máis valentes se atreven a achegarse. Pasamos horas xogando no parque. (…) Imos na procura de tesouros: facemos buratos na area, remexemos entre a herba… E sempre hai sorpresas!
 
O desenlace de A visita dos domingos corrobora a advertencia de que as aparencias enganan e de que, aínda que a imaxinación debe estar presente en todas as facetas cotiás dun neno, tamén o retorno ás normas faise indispensable na convivencia en familia.
 
—Veña, a túa nai ten razón!
Hoxe xogamos abondo
–di o monstro con voz rouca.
 
Do mesmo xeito que en A casa da miña avoa, nas ilustracións de Matteo Gubellini hai sempre unha procura de espazo e profundidade. Por iso, cada composición é diferente. O artista italiano revelou que o uso da técnica do pastel permitiulle neste traballo satisfacer esa necesidade, a través dunha rica gama de matices de luces e sombras.
 
 
Texto e ilustracións de Matteo Gubellini
 
Traducción do italiano de Marisa Núñez e Matteo Gubellini

+ 3 anos
Tamén dispoñible en: ES | FR | PT | IT | PL
 
 
 

Alemaña, 72
36162 Pontevedra
T 986 109 270
F 986 109 356
© OQO. Reservados todos os dereitos