Galego | Español | Euskera | English | Português | Français | Italiano | Polski | Português BR
 
 
 
 
Inicio | OQO editora | As series infantís de animación 'Caracois' e 'Os contos do camiño' comezan a emitirse en maio na tvG2

Menú de Usuario

 
 






28/04/2011
As series infantís de animación 'Caracois' e 'Os contos do camiño' comezan a emitirse en maio na tvG2

-- Os pequenos gozarán de luns a venres de producións audiovisuais feitas en Galicia e en galego por OQO filmes
-- A partires do día 2 os máis pequenos disfrutarán coas historias duns animaliños de xardín en Caracois. As historias populares de Os contos do camiño, reinterpretadas por autores contemporáneos a través de universos plásticos innovadores, estarán en antena o día 16

A canle tvG2 comezará emitir en maio dúas series infantís de animación audiovisual feitas en Galicia e en galego por OQO filmes, sección audiovisual de OQO editora. A partires do día 2 , os máis pequenos gozarán coas aventuras duns animaliños de xardín en Caracois, en horario preeschool (de 7.30 a 8.00 horas) e de luns a venres. Tamén con esta periodicidade semanal comezará a súa emisión o día 16 Os contos do Camiño. Deste xeito, de 17 a 17.30 horas os rapaces poderán recoñecer novas versións de relatos que marcaron a evolución de distintas culturas.

En ambas series, OQO filmes adapta os álbums ilustrados da editorial ao formato audiovisual, a través da técnica de animación stop-motion. A difusión internacional do catálogo editorial de OQO e a popularidade alcanzada por moitos dos títulos entre os nenos e nenas de diferentes países, supón unha oportunidade para a penetración de ambas entre o público infantil.

A presenza no mercado de librerías, no sistema educativo e nas bibliotecas públicas de toda Galicia fan que os personaxes reflectidos nas series resulten próximos a milleiros de cativos.

Deste xeito, os rapaces terán a oportunidade de volver gozar das historias de contos tan coñecidos para os cativos como A bruxa regañadentes, Corre corre, cabaciña, Chocolata, Ollobrusco, Rato Tom e Rata Tomasa, A incríbel historia da nenapaxaro e o galopín...

Mais, desta vez, os personaxes cobrarán vida en formato audiovisual e as súas aventuras ―tantas veces lidas e relidas por milleiros de cativos grazas a súa importante presenza no fondo das bibliotecas e das librerías de Galicia― poderán seguilas na canle tvG2.

Ao igual que cos libros de OQO editora , a filosofía de OQO filmes remite a unha aposta por un entretemento para os cativos de calidade e en galego: boas historias que merecen ser contadas, sexa en libro ou en filmes.

Esta calidade está avalada polo recoñecemento de prestixiosos premios internacionais. Así, libros de OQO como Caixa de cartón, O último canto, Fume, Celestino Tarambaina e A cousa que máis doe do mundo, entre outros, teñen mencións como o White Ravens, que os distingue como os álbums máis fermosos do mundo. Premios do Ministerio de Cultura, da Asociación Galega de Editores (AGE), os Andersen – Il Mondo Dell’Infanzia ou da Fundación Espace Enfants de Suíza tamén recaeron en contos da editorial. Algúns deles, como A princesa do Caurel ou A cousa que máis doe do mundo, forman parte das novas series.

De igual xeito, Os contos do Camiño foi candidata á Mellor serie de Animación na última edición do Festival Internacional de Cine de Animación de Annecy (Francia). Ademais, foi seleccionada na 50 edición do Festival Internacional de Cine para nenos de Zlin (República Checa) e no festival Internacional de Televisión de Barcelona, organizado por OETI (Observatorio Europeo da Televisión Infantil).

CARACOIS
Caracois está dirixida a un público de entre 2 e 4 anos de idade, é, por tanto, un target preschool. Os capítulos, de seis minutos de duración, están baseados nas historias dos álbums de Caracois (Armando Quintero e André Letria). Son cinco libriños de NanOQOs, colección de OQO editora en cartón duro e pequeno formato destinada aos prelectores.

En Caracois visualízase un mundo de relacións infantís desde a perspectiva duns animaliños de xardín. Son a súa forma de vida, as súas relacións, os seus xogos, os seus conflitos, as súas aventuras, a través duns protagonistas cunha psicoloxía predeterminada e precisa, e que encarnan así mesmo tipos, os que tecen este mundo complexo e interrelacionado.

Aínda que a función de entreter é primordial, cabe na serie unha compoñente “didáctica” que axude ao neno a ver dunha forma inconsciente condutas que comportan valores éticos e cidadáns fundamentais.

O traballo, a solidariedade, a amizade, o amor, a arte nas súas múltiples facetas (música, danza, teatro, etc...), o xogo como aventura e procura, por unha banda; e os perigos, os medos, os sustos, por outro, conforman un universo complexo de múltiples interaccións das que sempre se obterá aprendizaxe e diversión.

OS CONTOS DO CAMIÑO
Os contos do Camiño é unha serie de historias populares e marabillosas que marcaron a evolución de distintas culturas, agora reinterpretadas por autores contemporáneos e adaptadas ao público infantil a través da creación de universos plásticos distintos e innovadores. Esta produción retoma a tradición dos contadores de historias para achegar aos nenos a maxia dos contos nun formato de entretemento infantil de gran calidade.

Consta de 26 capítulos de 10 minutos de duración e está dirixida a un target de 3 a 7 anos aínda que, en realidade, as historias que conta poden ser gozadas por todos os públicos. Cada un deles corresponde á adaptación dunha historia tradicional ou contemporánea publicada en forma de álbum ilustrado por OQO editora. Contos franceses, turcos, casteláns, galegos, portugueses, gregos, brasileiros, africanos... compoñen esta serie que responde á máxima de que unha boa historia atrae a calquera neno en calquera parte do mundo.

Profesionais internacionais de prestixio firman cada un dos capítulos. Entre eles están o recoñecido animador mexicano Luis Téllez, o arxentino Ismael Mon, o portugués Carlos Pinto, o premiado cun Goya á mellor curta de animación, Coke Riobóo e o galego Iván Prieto. En todos eles se ofrecen suxestións creativas que recollen sensibilidades artísticas, universos plásticos distintos e innovadores e unha música orixinal, composta para cada capítulo que converte a cada un deles en únicos e diferentes.



Enlaces relacionados:

http://www.crtvg.es/crtvgviva/


 
 

Alemaña, 72
36162 Pontevedra
T 986 109 270
F 986 109 356
© OQO. Reservados todos os dereitos