Galego | Español | Català | Euskera | English | Português | Français | Italiano
 
 
 
 
Inicio | OQO editora | SALÓN DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL DE PONTEVEDRA 2010. Obradoiro 'A grande viaxe'
 
 






08/02/2010
SALÓN DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL DE PONTEVEDRA 2010. Obradoiro 'A grande viaxe'

Algún día construirei un barco moi grande
..que sucará o mundo ao longo e ao ancho.

Con esta frase do libro A grande viaxe de OQO editora iniciaremos unha viaxe por distintas cidades do mundo: París, Roma, O Cairo, Moscova, Deli, Beixín, Sidnei, México D. F., Nova York e Londres.

Alimentaremos o interese que todos temos por outros pobos, costumes, linguas e culturas, sen necesidade de nos desprender da nosa a través deste obradoiro de lecto-escritura e lúdico-didáctivo co que visitaremos as grandes urbes do planeta, desde Galicia e en galego.

Viaxaremos en barco, coche, avión para visitar outros países, coñecer un pouco máis a súa cultura e ao final elaborar entre todos os rapaces e rapazas participantes un álbum de viaxe onde se recollan as anécdotas e curiosidades da nosa aventura. A actividade comezará coa presentación do conto A grande viaxe, de OQO editora.

Mais para iniciar esta andaina repararemos que, para viaxar, é preciso ter un pasaporte, preparar a maleta e meter nela todo o que poidamos precisar (cámara de fotos, roupa axeitada, crema solar, dicionario de idiomas, prismáticos...) e, como non? ter en conta a moeda do país ao que nos dirixamos.

E unha vez que cheguemos alí ...
que visitaremos?
onde nos aloxaremos?
en que idioma falan?
que animais son propios do lugar?
e que comeremos?...

Cuestións que se presentarán ao longo da nosa visita e que teremos que contestar de xeito oral e escrito, para deste modo mellorar a nosa competencia en galego.

Como testemuño do noso percorrido, escribiremos postais de viaxe, mercaremos algún recordo do noso paso polas cidades visitadas... Mais iso ao final, porque agora: Todos a bordo!

A GRANDE VIAXE: SUCANDO MARES, ACHEGANDO HISTORIAS
LUGAR: Pazo da Cultura de Pontevedra.
DÍAS: Luns 8, martes 9, mércores 10, xoves 11 e xoves 18 de febreiro.
DESTINADO: a nenas e nenos a partir de 8-10 anos.
SESIÓNS:
Primeira: 10.00 horas.
Segunda: 11.45 horas.
DURACIÓN: 60 minutos.



Enlaces relacionados:

http://www.salondolibro.org/axenda/175/


 
 

Alemaña, 72
36162 Pontevedra
T 986 109 270
F 986 109 356
OQO@OQO.es
© OQO. Reservados todos os dereitos