OQO filmes achega en ‘Os contos do camiño’ 26 historias marabillosas e populares que marcaron a evolución de distintas culturas e faino a través das suxestións de recoñecidos artistas. Cada capítulo, de dez minutos de duración, é independente e está inspirado en relatos da tradición oral de diferentes culturas e en textos contemporáneos de referencia escolmados entre o centenar de títulos de OQO editora.
Desde a fidelidade ao proxecto editorial, OQO filmes adapta os álbums ilustrados ao formato audiovisual a través da animación: historias de calidade que desde a tradición oral van encontrando diferentes soportes —texto, imaxes, audiovisual…— ante a necesidade de ser contadas, escoitadas e transmitidas.
O imaxinario infantil durante tanto tempo construído pola literatura tanto oral como escrita, atopa nesta proposta un novo soporte sobre o que seguir tecendo elementos de fascinación ante a mirada do pequeno espectador; elementos que explican o mundo e canalizan pulsións dos universos imaxinados por medio dun libro e, agora tamén, a través de personaxes en movemento. Outro xeito de reconstituír o camiño clásico de achegarse aos contos.
A serie ‘Os contos do camiño’ está realizada co soporte técnico de stop-motion e vai dirixida a un target de idade de 3 a 7 anos. Trátase dunha aposta polo entretemento de calidade para a infancia e en galego. Así o demostra o feito de que diferentes profesionais internacionais de prestixio firman cada un dos capítulos. Entre eles están os recoñecidos animadores mexicanos Juan José Medina Dávalos, Luis Téllez e Karla Castañeda, o arxentino Ismael Mon, o chinés Zhang Jian, o portugués Carlos Pinto, o premiado cun Goya á mellor curta de animación, Coke Riobóo e o galego Iván Prieto.
Neles ofrécese unha creatividade que recolle sensibilidades artísticas e universos plásticos distintos. E todos teñen en común: o valor de contar unha boa historia, unha proposta plástica innovadora e unha música orixinal.
LUGAR: Pazo da Cultura de Pontevedra
DATA: 27 de novembro de 2010
HORA: 17.00 horas