Galego | Español | Euskera | English | Português | Français | Italiano | Polski | Português BR
 
 
 
 
Inicio | OQO editora | Colección O | O señor Ramón e a señora Ramona

Menú de Usuario

 
 


Colección O  







O señor Ramón e a señora Ramona

Beatriz Montero & Leire Salaberria
13,50 € | 978-84-9871-385-5
28 páxs. | cartoné | 25x23 cm |
xuño 2012

¡RIC-RIC-RIC!...
Aquel ruído non paraba, e a señora Ramona colleu medo.. –Ramón...! Esperta, home!
O señor Ramón, por fin, abriu os ollos. –Que foi? –Anda alguén na cociña, Ramón!
 
Os dous levántanse da cama e camiñan cara á cociña. O son aumenta á vez que os seus medos, o que provoca que a súa imaxinación se dispare: Será un gato xigante? un crocodilo? unha serpe? ou quizais... un elefante?
 
“¿Quen non tivo medo algunha vez? Todos pasamos por este estado de angustia”, argumenta Beatriz Montero para xustificar o comportamento desconcertante dos seus protagonistas, cuxa idade fai prever unha reacción menos insegura e máis serena.
 
Por iso é polo que resulta tan entrañable esta historia de dous avós asustadizos e das súas disparatadas –por improbables– hipóteses. Precisamente, o temor, que non ocultan, fainos máis próximos aos pequenos, xa que comproban que comparten máis cousas cos adultos do que parece: o medo ao descoñecido (á noite, aos ruídos estraños...) é inherente á condición humana e, xa que logo, non é algo do que deban avergoñarse.
 
Non só iso, senón que é necesario que o medo estea presente no seu proceso de aprendizaxe, xa que lles axudará a facer fronte a situacións de risco. No entanto, os nenos non deben estar sobreexpostos, xa que pode xerar ansiedade e problemas de autoestima. Por iso, O señor Ramón e a señora Ramona expón e resolve o conflito dun xeito divertido.
 
Beatriz Montero persegue con esta historia que os máis pequenos comprendan que o medo non debe paralizalos e destaca o feito de que unha persoa sen medo está “máis aberta a aprender, relacionarse, compartir, descubrir e amar”.
 
“De pequena compartía cuarto coa miña irmá. Polas noites, os ruídos disparaban a nosa imaxinación e construímos na nosa mente monstros e animais feroces que nos podían devorar”, revela a autora sobre a orixe deste conto. Do mesmo xeito que os dous protagonistas, as dúas irmás tamén tiñan medo: “sorteabamos quen saía da cama para descubrir de onde viña o ruído”.
 
Neste conto, pola contra, o señor Ramón e a señora Ramona, suman forzas, van xuntos e apóianse fronte ao medo. Esa solidariedade forma parte tamén da aprendizaxe. Beatriz Montero recoñece o encantada que estaría de pequena cun conto coma este. “¡Cantos paseos nocturnos aforrados!”.
 
Esta divertida historia non sería posible sen o “agarimo e coidado” que Leire Salaberria puxo no seu debut en OQO para dar vida a estes “dous avós moi simpáticos e curiosos”.
 
Aínda que toda a historia sucede no interior, a ilustradora vasca logra con facilidade trasladar o lector do corredor, á selva e, desta última, á cociña. Para iso, conta coa axuda do empapelado da casa, cuxos debuxos florais facilitan esta viaxe visual polas incribles (e por iso graciosas) posibilidades que expoñen os atemorizados avós sobre a orixe do ruído.
 
“A historia dábame a suficiente liberdade para crear un mundo paralelo contado mediante imaxes e afastado da simple descrición do texto. Así, á vez que a imaxinación deles aumentaba, máis penetraban nunha selva, onde se ían atopando con todos estes animais imaxinarios”, valora Leire Salaberria para explicar a súa proposta visual, na que un gato xigante, un crocodilo, unha serpe e un elefante van facendo acto de presenza no... corredor dunha casa!
 
Para lograr esta atmosfera exterior dentro do interior da vivenda, utilizou a técnica da colaxe, coa que creou os personaxes, obxectos e plantas. As conxecturas surrealistas do señor Ramón e a señora Ramona cobraron forma grazas á mestura de acrílicos, rotuladores e lapis.
 
Salaberria optou por cores vivas nunha paleta non demasiado ampla. A intención final foi a de lograr moita textura, para que o lector poida “palpar” os personaxes que só están na imaxinación dos protagonistas.
 
Ademais, os lectores agudos e astutos atoparán pequenas chiscadelas nas imaxes, que lles darán pistas para resolver o misterio que tan asustados ten ao señor Ramón e á señora Ramona.
 
 
Texto de Beatriz Montero
Ilustraciones de Leire Salaberria
 
Tradución do castelán de Marisa Núñez

+ 3 anos
Tamén dispoñible en: ES
 
 
 

Alemaña, 72
36162 Pontevedra
T 986 109 270
F 986 109 356
© OQO. Reservados todos os dereitos