Galego | Español | Euskera | English | Português | Français | Italiano | Polski | Português BR
 
 
 
 

Menú de Usuario

 
 






Colección O  







O Papón

Pablo Albo & Maurizio A. C. Quarello
13,50€ | 84-96573-82-6
48 páxs. | cartoné | 25x23 cm |
novembro 2006

A avoa decide prepararlles ás súas tres netas unha sorpresa na bodega: pan con mel (esquecera que ese era precisamente o xantar preferido do papón). As netas, unha por unha, baixan polas escadas escuras, frías e misteriosas; empurran a porta e…

O Papón é un dos «comenenos» máis populares en toda a xeografía do Estado español, e por este motivo presenta características diferentes segundo a zona. Con todo, hai certos trazos recorrentes que sempre se manteñen nas distintas versións e que nos permiten identificalo: un xigante, cabezón, de aspecto bruto e gran voracidade, que papa os nenos enteiros e sen mastigar. Ao contrario dos outros monstros que actúan sen avisar, o Papón advirte das súas intencións e da súa voracidade natural. E aqueles que aínda así, ousan achegarse aos lugares que frecuenta, son engulidos sen chistar. A identidade do insólito heroe que resolve a situación repítese en todas as versións. Trátase da pequena formiga, presente tamén noutros contos tradicionais de estrutura narrativa similar: A cabra montesa, O zamparrón, etc.

A versión de Pablo Albo axústase en boa medida á tradicional, aínda que el trata o asunto con moito máis sentido do humor e decídese por un desenlace amable e divertido. Namentres, no conto recollido por Aurelio Espinosa (e tamén noutras versións similares documentadas no primeiro terzo do século pasado) o heroe mata o monstro, Pablo Albo opta por unha divertida transformación simbólica do xigante, que acaba integrándose no mundo ao que pertence o heroe. Deste xeito, o ben triunfa sobre o mal, e grazas á intervención solidaria de varios personaxes cos que se identifica o lector.

As distintas denominacións para o «comenenos» en todos os lugares da península, presentan unha etimoloxía transparente: o Papón en Galicia, o Papu en Cataluña…, e todas elas sobreviviron ata os nosos días na memoria. A todo isto hai que engadir que a miúdo se utilizou a súa figura con fins diversos, por exemplo, para que os nenos aprendan a portarse ben, para que se deiten cedo, para que non saian de noite, para que non se acheguen aos descoñecidos, etc.

A imaxinación e tamén a necesidade de previr actos temerarios propiciou a aparición, no marco da cultura popular, de personaxes coma os espantos e asustadores que chegaron a nós grazas ás narracións orais transmitidas de xeración en xeración. O carácter universal destes relatos fantásticos débese, entre outras razóns, a que constitúen un valioso complemento para o desenvolvemento infantil. Con eles os nenos poden entender conceptos abstractos dun xeito doado, xa que, os problemas e angustias existenciais preséntanse a través de personaxes populares. Alén diso, os asustadores da infancia conforman un mundo mitolóxico con compoñentes análogos ao mundo mitolóxico dos adultos.

O ilustrador Maurizio A. C. Quarello emprega as sombras dun xeito maxistral, en composicións arriscadas, e unha vez máis, deixa constancia tamén aquí das súas influencias cinematográficas á hora de compoñer os planos.

Texto de Pablo Albo, a partir dun conto popular español
Ilustracións de Maurizio A. C. Quarello
Tradución do castelán de Marisa Núñez

+ de 4 anos
Tamén dispoñible en: ES | PT | FR | EN | IT
 
 
 

Alemaña, 72
36162 Pontevedra
T 986 109 270
F 986 109 356
OQO@OQO.es
© OQO. Reservados todos os dereitos