Galego | Español | Euskera | English | Português | Français | Italiano | Polski | Português BR
 
 
 
 
Inicio | OQO editora | Colección Q | A nai do heroe

Menú de Usuario

 
 


Colección Q  







A nai do heroe

Roberto Malo e Francisco Javier Mateos & Marjorie Pourchet
15,50 € | 978-84-9871-311-4
40 páxs. | cartoné | 22x28 cm |
marzo 2011

O novo rexente herdou un reino inmenso, con ducados, marquesados, territorios de ultramar… —E que palacio! –dicía a xente. Herdou tamén unha débeda de cen mil moedas de ouro cun perigoso cabaleiro da fronteira: o cabaleiro Negro. Seu pai, o vello rei, sempre tivera as mans furadas (un pillabán, para que nos imos enganar!). —Estou negro! –protestou o cabaleiro Negro diante do novo rei–. Teu pai debíame cen mil moedas de ouro. Así que ou pagas ou cobras! –ameazou levantando a súa espada–.
 
A historia dun rei en dificultades non é nova, tampouco que o monarca decida recorrer a un habilidoso espadachín ou valente cabaleiro para acabar cos seus problemas, tal e como sucede no relato de Roberto Malo e Francisco Javier Mateos. Ao longo do álbum, hai sitio tamén para ogros, trasnos e maxia. Con todo, esta historia pouco ten de conto tradicional: nin o é no ton, nin na linguaxe do narrador e dos personaxes ―ateigados de xiros coloquiais e actuais― nin tampouco no desenvolvemento da trama. Neste relato pronto descubrimos que o papel do heroe non está representado polo rei, tampouco polo malvado cabaleiro Negro nin por Dick Van Dyke e a súa prodixiosa espada. Tal como adianta o título, a valente heroína é a nai de Dick Van Dyke. A pesar de que o seu personaxe se corresponde co estereotipo máis clásico: sobreprotectora, coidadora, conselleira... tamén recolle o ton irreverente do conto. Así, nada ten que ver o seu comportamento coa actitude pasiva coa que se caracterizou a moitos personaxes femininos ―tanto a nais, esposas ou prometidas― nos innumerables relatos de duelos entre cabaleiros. Á proxenitora de Dick Van Dyke non lle falta iniciativa, valentía e nobreza no carácter; valores que definen a calquera heroe clásico, aínda que ben se poden atribuír a moitas nais, sexan estas da época dos cabaleiros e reinados, ou da era dos videoxogos e das redes sociais. Nos contos tradicionais, a forza que move o heroe a actuar así ten a súa orixe no amor, habitualmente da amada. No de Roberto Malo e Francisco Javier Mateos tamén é este sentimento o que alimenta a coraxe da protagonista. No entanto, trátase do amor que sente unha nai por un fillo.
 
O ton desenfadado da historia conta coa complicidade da recoñecida ilustradora francesa Marjorie Pourchet, que a pesar da súa mocidade ten un amplo percorrido na literatura infantil, onde hai pouco se atreveu a dar o salto como autora. Trátase dun traballo que mestura diferentes técnicas, acrílico, pluma... ás que incorporou colaxes con diferentes tipos de papel e decoracións, creadas a través de técnicas de impresión (monotipos, etc…) A ilustradora imaxinou as láminas de debuxo coma se fosen a decoración dun teatro ou dunha opereta, onde, ás veces, poden cohabitar varias pequenas escenas nunha soa imaxe. Deste xeito, busca invitar ao lector a imaxinar o carácter “aloucado” dos personaxes a través de detalles “absurdos ou anacrónicos” inseridos nos seus vestidos, nos seus accesorios ou nos arredores. Nos seus traballo estableceu vínculos e idas e voltas entre as páxinas, axudándose con certos elementos evocados no texto. A intención era achegar ás imaxes o contraste ―que existe no texto― entre o conto marabilloso tradicional e os acontecementos “divertidos e desfasados” que teñen lugar en A nai do heroe. Desta forma, Pourchet dá vida a uns personaxes con aparencia grotesca, desproporcionados nas medidas (corpo pequeno e cabeza grande). Para recrear todo o relato fai uso dunha paleta viva de cores (amarelos, vermellos, negros) que reforzan o ton descarado, gracioso e atrevido da historia. Do mesmo xeito que lle sucede a Roberto Malo e Francisco Javier Mateos, esta é a primeira colaboración de Marjorie Pourchet con OQO editora para, tal e como revela ao principio a dedicatoria do conto, render xuntos unha divertida homenaxe a todas as nais.
 
 
Texto de Roberto Malo e Francisco Javier Mateos
Ilustracións de Marjorie Pourchet
Tradución do castelán de Paco Liván

+ 8 anos
Tamén dispoñible en: ES | FR | PT | PL
 
 
 

Alemaña, 72
36162 Pontevedra
T 986 109 270
F 986 109 356
© OQO. Reservados todos os dereitos