Galego | Español | Euskera | English | Português | Français | Italiano | Polski | Português BR
 
 
 
 
Inicio | OQO editora | Colección Q | Jack e a Morte

Menú de Usuario

 
 






Colección Q  







Jack e a Morte

Tim Bowley & Natalie Pudalov
14,50€ | 978-84-9871-367-1
32 páxs. | cartoné | 22x28 cm |
xaneiro 2012

Jack atópase coa Morte e, ao intuír que vai buscar a súa nai, que está doente, trama un plan para librarse dela.
Con incrible astucia, Jack é quen de atrapar o sinistro personaxe nun bote; pero as consecuencias do acto son imprevisibles –xa nada pode morrer– e o que semellaba, no inicio, un motivo de alegría –a nai recupérase de súpeto da súa grave doenza– acaba por se converter nun caos.

Jack e a Morte é unha versión do conto tradicional británico A morte atrapada nunha noz, creada polo prestixioso narrador Tim Bowley, que xa percorreu Europa e América enfeitizando o público coas súas historias.

Jack, ás veces coñecido como Jack o Matador de Xigantes, é un trickster. Os trickster, tamén chamados moinantes ou pillos, son personaxes relacionados coa mitoloxía e a tradición oral de moitas culturas, e caracterízanse por ser pícaros e transgresores. Trátase de personaxes en aparencia simples que, dalgún modo, ao desobedeceren as regras establecidas, desencadean algunha desorde. As estrañas situacións ás que nos levan as súas historias axúdannos a comprender mellor a natureza e o comportamento do ser humano.

O esforzo de Jack por se desfacer da Morte ocupa parte importante da trama, mais, en contraste con outros contos nos que a morte se presenta coma un castigo ou un final fatal para personaxes negativos, aquí aparecerá como algo inherente á existencia, o que lle outorga un carácter sereno e tranquilo.
Tim Bowley remarca a idea de presentar a morte non como inimiga da vida, senón como a outra cara dunha mesma moeda: unha non existiría sen a outra.

Natalie Pudalov crea fermosas metáforas visuais e imaxes con cores que contrastan o temporal e o inmortal para acadar un efecto dramático e darlle carácter poético á continuidade entre a vida e a morte.
A través das páxinas do álbum, unha longa corda vermella ténsase, enrédase… como a natureza cambiante da vida: ás veces sinxela e outras, enleada e complicada. A Morte suxeita un extremo da corda e tira lentamente.

Flores que medran, murchan e morren, nun ciclo de vida que resulta familiar: sementes que se esvaen no ar e voan vigorosas deixando un rastro da vida que esmorece…

O personaxe da Morte aparece como unha entidade con gran poder, que obtén todo o que desexa sen necesidade de pedir permiso; as súas enormes mans, separadas do corpo, simbolizan ese acto de roubar. Posúe, ademais, unha colección de máscaras que coloca nos rostros das persoas cando finan.
A nai de Jack falece en paz e por iso, cando lle chega a súa hora, a máscara elixida para ela amosa un sorriso.

Para atenuar a soidade de Jack, que o lector pode sentir ao comprender o inevitable, Natalie Pudalov engadiu un personaxe que o acompañará ao longo da historia: un can fiel. Aínda que non se menciona no texto, o can acompaña o protagonista a través do álbum, para darlle unha luz de esperanza e alento
no momento máis dramático: Jack non queda só.

Un álbum que, a través das súas páxinas, imita a natureza da vida e agocha sutilezas e pequenos detalles que requiren dun exame coidadoso para ser descubertos.

+ de 8 anos
Tamén dispoñible en: ES
 
 
 

Alemaña, 72
36162 Pontevedra
T 986 109 270
F 986 109 356
© OQO. Reservados todos os dereitos