O Bichinho de Conto e a Câmara Municipal de Óbidos presentan o proxecto europeo Os Contos do Camiño nun acto que terá lugar o día 30 de aneiro ás 18.00 horas na Igrexa de São Tiago de Óbidos.
Os Contos do Camiño integra o libro e a lectura, a recuperación do patrimonio inmaterial, as artes plásticas e a música. Coordinadas por OQO editora, estas actividades contan coa implicación como socios da Fundación Museo Thyssen-Bornemisza (España), as editoriais O Bichinho de Conto (Portugal) (ww.obichinhodeconto.pt) e La Compagnie Créative (Francia).
Esta iniciativa foi seleccionada en 2009 no Programa Cultura 2007-2013 da Unión Europea, onde alcanzou unha das maiores puntuacións de todas as candidaturas europeas, con 32 puntos dos 35 máximos posibles.
Destinada aos nenos de educación infantil e primeiro ciclo de primaria, Os Contos do Camiño busca fomentar no público infantil o coñecemento do Camiño de Santiago, primeiro itinerario cultural que atravesa Europa e congrega persoas de distintas culturas, razas e países.
Cinco cidades polas que discorre o Camiño de Santiago:
1. Évora (Camiño Portugués): cidade do sur de Portugal, capital do distrito de Évora. Ten unha poboación de 46.700 habitantes.
2. Bordeaux(Camiño Francés): poboación de 230.600 habitantes na cidade centro e 1.200.000 na urbanización Bordeaux-Libourne-Arcachon. É a quinta unidade urbana máis poboada de Francia.
3. Óbidos (Camiño Portugués): No Distrito de Leiria, Portugal, Óbidos é unha vila medieval dominada polo seu castelo, cun vasto patrimonio arquitectónico relixioso e vestixios históricos monumentais. O último censo cifraba a poboación en 11.187. As actividades de Óbidos tamén acollerán escolares doutras cidades portuguesas como Lisboa, Pombal e Beja.
4. Santiago de Compostela
5. Madrid (Camiño de Madrid, que enlaza co Camiño Francés): capital de España, conta con 3.232.463 habitantes dentro do seu municipio e 6.043.031 na súa área metropolitana. É a terceira área urbana máis poboada da UE.
Acollerán entre xaneiro e xuño de 2010 as sesións de contacontos, obradoiros de creación artística e de animación á lectura.
Máis de 25.000 escolares, profesores e acompañantes de Francia, Portugal e España percorrerán o Camiño a través dos contos de tradición oral de distintos países e das súas obras de arte, dentro das actividades que se celebrarán nunha data moi significativa para o Camiño de Santiago, o 2010, ano xacobeo.
Os Contos do Camiño pretende espertar e alimentar a curiosidade por viaxar, coñecer persoas doutras culturas e achegarse aos contos e á tradición oral do patrimonio cultural e artístico europeo.
Con este afán de respecto á diferenza, ademais dos centros de ensino, en cada unha das cinco cidades, contactarase con colectivos de inmigrantes e con asociacións que se ocupan de pequenos en situación de desprotección.