Galego | Español | Euskera | English | Português | Français | Italiano | Polski | Português BR
 
 
 
 

Menú de Usuario

 
 






Colección O  







Cocorico

Marisa Núñez & Helga Bansch
12,90€ | 978-84-9871-156-1
36 páxs. | cartoné | 25x23 cm |
xullo 2011 - Reedición

Cocorico é un pitiño que vive feliz coa súa nai. Un día que Mamá Galiña vai facer biscoito, o pitiño ofrécese a ir pola leña para acender o forno. Cando está en plena faena, aparece un gato enorme e malvado que o quere devorar. De milagre, Cocorico salva a vida porque lle promete que lle dará a metade da merenda. Mais, unha vez pasado o perigo, o lambón de Cocorico esquece o trato e come o biscoito enteiro. A mamá anóxase: vai vir Gato Pelado e vaite comer dun bocado! Nisto escoitan un ruído na porta: É Gato Pelado reclamando a súa metade de biscoito…

Cocorico constitúe unha adaptación libre dun conto tradicional birmano co que os máis pequenos aprenden a compartir, a cumprir as promesas e a escoitar os consellos daqueles que saben máis. Neste caso, o pitiño é o causante da furia do gato, ao non lle deixar ren da merenda. Menos mal que Mamá Galiña virá en auxilio do seu pequeno e Cocorico finalmente aprenderá unha valiosa lección.

A ilustradora intercala algunha colaxe, mais diversos materiais e texturas, e cun debuxo de trazo fino e delicado, engaiola os máis pequenos e consegue plasmar toda a tenrura da historia. As imaxes luminosas, de cores vivas, moi acordes co ritmo do texto, contribúen a perfilar con mestría os sentimentos dos personaxes: a inquietude do pitiño, a dozura da galiña, a carraxe do gato...

Cunha linguaxe sinxela, mais que espreme ao máximo as posibilidades da palabra, velaquí un divertido conto de tres personaxes, para gozalo cos cinco sentidos, e que emocionará os máis pequeniños.

Texto de Marisa Núñez, a partir dun conto tradicional birmano
Ilustracións de Helga Bansch

+ 3 anos
Tamén dispoñible en: ES | EU | PT | FR | IT | PL
 
 
 

Alemaña, 72
36162 Pontevedra
T 986 109 270
F 986 109 356
© OQO. Reservados todos os dereitos