‘En clave de conto’ bota a andar en Ourense co concerto-espectáculo A nena e o grilo

‘En clave de conto’ bota a andar en Ourense co concerto-espectáculo A nena e o grilo

6/11/2010

Esta montaxe de Magín Blanco e Charo Pita, entre outros, forma parte dos obradoiros de OQO editora para a campaña Bocaberta, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e orientados a un público familiar.

Músicos, cantantes e actores de recoñecido prestixio no ámbito musical e escénico —coma o ourensán Magín Blanco e a contacontos Charo Pita— protagonizarán este sábado ás 18.00 horas en Ourense a montaxe multicisplicinar A nena e o grilo, baseada no conto-cd co mesmo nome de OQO editora e que será repartido gratuitamente ás familias asistentes.

Con este concerto-espectáculo, con entrada de balde ata completar o aforo do Auditorio municipal, comeza o sábado as actividades de OQO editora En clave de conto para a campaña Bocaberta da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL). A finalidade é achegar as nenas e os nenos ao galego no plano da lectura e no da escoita, ao tempo que educar a ollada e o oído a través de propostas innovadoras e transmitir o amor pola música e a lingua.

Por iso, ademais do concerto, as familias poderán participar o domingo ás 18.00 horas no Obradoiro para as familias EU FALO ASÍ. Esta actividade gratuíta procura reforzar o uso do galego no contexto afectivo, desenvolvendo a competencia oral e escrita.

Este taller ten a súa orixe na canción ‘Cri-cri’ de A nena e o grilo. A partir deste tema as familias xogarán a identificar as distintas linguas da peza (inglés, francés, portugués, castelán, éuscaro…) e o seu idioma principal: o galego.

Neste obradoiro traballarase tamén co álbum O embigo de Xanecas da Colección O de OQO editora. Por este motivo, as familias participantes (con rapaces con idades de entre 3 e 5 anos) serán agasalladas con este libro.

CONCERTO A NENA E O GRILO
Este espectáculo está baseado no traballo bibliodiscográfico co que o compositor e intérprete Magín Blanco (O Barco de Valdeorras) se atreveu a dar o salto ao público infantil da man de OQO editora e da súa colección musical Q son. Producido na parte musical por Uxía e ilustrado por outro ourensán Iván Prieto, colaboraron músicos coma Guadi Galego, Ugia Pedreira, Fred Martins ou Tarci Dávila.

O resultado é un traballo de equipo que no escenario mantén o seu carácter familiar no que Magín Blanco (guitarra, voz) estará acompañado por Xoán Curiel (guitarra e voz), Sergio Sales (teclado), Sergio Tannus (guitarra e percusión) e Charo Pita (voz e narración).

A parte narrada da montaxe adquire unha vital importancia, xa que relata dun xeito sinxelo, delicado e sutil, a historia de amizade entre a nena e o grilo. Tamén cobra especial protagonismo o audiovisual, que nos amosará as ilustracións de Iván Prieto.

Durante o concerto poderase gozar cunhas cancións que, en palabras de Magín Blanco, ‘non parten de ningún estilo en concreto’ e que son ‘unha amálgama’ das músicas que todos os colaboradores do libro-CD A nena e o grilo levan escoitado ao longo das súas vidas. Porén, resultan claramente recoñecibles ecos de rumba, bossa nova, reggae ou folk.

En definitiva, estamos ante un espectáculo con vocación universal que parte dunha lingua rica en palabras e xiros ao servizo dos mundos imaxinarios dos protagonistas destas trece cancións de conto. En todas elas repártense aloumiños a eito e amósase un mundo inconformista nas letras e unha concepción musical orixinal e esixente para nenos e nenas de todas as idades.

Despois de Ourense, En clave de conto percorrerá ata o 25 de febreiro de 2011 en Carballo, Allariz, Boiro, Cambados, Muros, Vilalba, A Estrada, Burela, Teo e Gondomar.

OURENSE
CONCERTO 6 nov. 2010. 18 h
OBRADOIRO 7 nov. 2010. 18 h
Auditorio Municipal, rúa da Canle (Loña), 2
tel. 988 391 290
normalizacionlinguistica@ourense.org